Presentación Dramateca Foro Colabora
centrodramaticogalego.org Centro de Creación Dramática Contemporánea
Pistas para unha Dramaturxia da Actualidade, unha iniciativa que hai tres anos puxo en marcha o Centro Dramático Galego, ten por vocación non se limitar á programación dun ciclo anual de seminarios e encontros arredor da escrita teatral nin ao seguimento dos textos que nazan deses ciclos. O que esa iniciativa pretende é impulsar unha dinámica de encontro, coñecemento mutuo e intercambio de ideas e estímulos en relación á creación textual dramática galega.

Nesa intención, esta web pretende ser un híbrido entre un depósito público e accesible de textos dramáticos e un foro de lectura teatral. Un lugar na rede no que topármonos con materiais, suxestións e informacións sobre o que, desde o sistema teatral galego ou susceptible de ser usado por el, foi escrito recentemente ou está a ser escrito na actualidade.

É de supor que desde que os clásicos gregos compuxeron os seus primeiros textos teatrais e até o día de hoxe, a esencia da praxe da escritura dramática non mudou: talento, coñecemento e exercitación. É de supor que ningunha das novas ferramentas que poidan aparecer, ou que foron aparecendo ao longo da historia, vai facer que esa esencia mude. Mais é seguro que axudaron e poden axudar nesa praxe. No caso que nos ocupa, as redes informáticas están a se constituir en sobranceiras ferramentas para a difusión e accesibilidade dos textos teatrais. O Centro Dramático Galego séntese na pracenteira obriga de implementalas e pólas ao servizo de quen as queira utilizar.

Os textos teatrais que cada vez están a ter máis atrancos para seren editados ou reeditados en papel, os que dormen na escuridade das gabetas e discos duros, os que durmirán cando se deixen de programar os espectáculos dos que fixeron parte, aqueles que, pertencentes a outras dramaturxias, alguén descubriu ou coñeceu e quere convidar a outra xente a que os descubra e coñeza... teñen nesta web o seu sitio.

Animamos a autoras e autores, compañías e persoas interesadas a que o utilicen.

Cándido Pazó
Director do curso Pistas para unha Dramaturxia da Actualidade

Centro Dramático Galego
Salón Teatro
Rúa Nova nº 34 - 15705 Santiago de Compostela
Tel. 981 581 111- Fax 981 581 987
centro.dramatico.galego@xunta.es
XUNTA DE GALICIA · Consellería de Cultura e Deporte AGADIC · Axencia Galega das Industrias Culturais